07:50 Sabado, 15 de Marzo de 2025
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-02-2010

A celebración do ano Xacobeo evidénciase alleadora no cultural e fracasada no económico

Un Xacobeo ao servizo… de quen?

Valorar (15)

XAVIER CAMPOS LÓPEZ



Á marxe da consideración que nos mereza o fenómeno Xacobeo en canto mito relixioso e construción política, resulta pouco cuestionábel que a súa celebración desataría importantes forzas a prol da nosa identidade e benestar se for deseñada desde unha concepción non alienada do propio país e da súa cultura. Non é igual que os visitantes que chegan a Compostela o fagan sen ter coñecemento algún de estaren na capital dunha nación con lingua e cultura de seu a que houber quen, desde as campañas e informacións institucionais, lles fornecer as chaves, os contextos e as dinámicas históricas precisas para poderen comprender máis xenuinamente os lugares e os espazos visitados. Temos, porén, que o sarillo de tópicos, deformacións e retóricas ocultadoras da nosa condición permanecen actuantes na sociedade, cara a nós e cara os que nos visitan, e non parece que a acción da Consellaría de Cultura e Turismo vaia encamiñada a corrixilos.

A cuestión, en por si da maior gravidade, empeora de termos en conta os importantes recursos e orzamentos públicos que tal celebración absorbe. Nun ano de crise como o actual, cos nosos sectores culturais sofrendo especialmente os seus efectos, a actividade proposta pola S.A.X. Xacobeo debería resultar un importante apoio e estímulo para as industrias culturais galegas e para os ámbitos relacionados co turismo. Lonxe diso, a sensación partillada polos diferentes axentes privados é a de abandono, descoñecemento e incapacidade institucional. A presenza da cultura galega na programación presentada resulta novamente mero complemento, papel secundario e subordinado aos supostos atractivos internacionais aos que se decide outorgar o protagonismo. Revélase outra volta, nos responsábeis políticos da Xunta de Galicia, o papanatismo acomplexado, a falla de confianza nos nosos creadores e nas nosas empresas e a concepción que teñen de Galiza como sociedade pasiva e receptora, sen capacidade nin talento para producir propostas culturais propias que sexan quen de concitar éxito e interese aquén e alén das nosas fronteiras.  

Mais se grave resulta a análise do ponto de vista cultural, non resulta menos preocupante ao centrármonos nos resultados económicos. Non facemos crítica apriorística por motivacións políticas ou partidarias. Nunha televisión local de Compostela, aínda a semana pasada, os representantes dos sectores máis directamente relacionados coa vertente turística do Xacobeo -comercio, espectáculos, hostalería e outros- partillaban valoración sobre os pobres resultados que está a deixar no que vai de ano. A asunción da responsabilidade política polo fracaso do Xacobeo debería supoñer mudanzas e cambio de responsábeis na Consellaría encargada da súa planificación.   Semella que, alén de dedicar diñeiro público con contratos blindados a ex-deportistas que veñen aquí a anunciar o plátano de Canarias ou de deixarse enganar puerilmente nun aspecto tan relevante como a sinalización do Camiño na Rede, cabería agardar unha acción política máis certeira e eficaz de quen está disposto a sacrificarse e compartir connosco cosmopolitismo e diplomacia probada.


[01-03-2010 ] Glaucy Furtado comentou:

Me parece incrível o que estar a passar em Galicia neste "Ano Santo"! Já estamos a um mês da Semana Santa, pistoletaço de saída da temporada alta, e os cartéis ainda nao colocam o eslogan corregido, já que o fracasso do slogan "Agora é cando, Galicia é onde" segue sem levar um nome alusivo a Compostela.
Nao é de estranhar: Nula promocao nas agências de viagens, um spot oficial que dedica só quatro segundos na cidade do Apóstolo e reportagens na imprensa internacional que confundem por sua escassa atençao a uma meta de peregrinaçao cujo epicentro se situa em Santiago.
Resultado?? A equaçao nao falha: fracaso do Ano Santo 2010 (ao menos de momento)... Esperemos que melhore o panorama, pois se depender do nosso excelentíssimo Feijóo...nao creio que a coisa ande!!
Glaucy Furtado

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña