06:46 Venres, 12 de Xuño de 2026
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-01-2011

Verdadeiro fin da Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa

Reducir (aínda máis) o ensino en galego

Valorar (22)

ANXO LOUZAO RODRÍGUEZ


Xesús Vázquez Abad (Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria)


Só con altas doses de demagoxia e afán propagandístico se pode explicar que se presente unha lei titulada de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa para, supostamente, reforzar a autoridade do profesorado e a participación da comunidade escolar e que, porén, se furte todo tipo de debate social  e se impida a participación a un colectivo de 32.000 docentes, evitando as súas propostas e a negociación na Mesa Sectorial Docente, único órgano lexítimo de negociación do profesorado. A conduta autoritaria e antidemocrática do Conselleiro de Educación resulta inaceptábel, tanto polo procedemento como pola desconsideración co conxunto da sociedade e, nomeadamente, co profesorado e cos seus representantes.

Non deixa de ser preocupante, ademais de reincidente, que a Consellería agardara ás datas non lectivas do Nadal para presentar o anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa. Recorre, máis unha vez, a prácticas nada democráticas nin participativas, igual  que sucedera no seu día coas Bases para o Decreto de Plurilingüismo, para presentar proxectos de transcendencia para o ensino, actuando en función dos intereses dunha minoría reaccionaria e non representativa, coa pretensión de que teñan a mínima resposta posíbel, xa que a maioría dos destinatarios conflúen no seu rexeitamento.

A Consellaría, máis unha vez, fai bo o dito de "quen fai a lei fai a trampa". Non é, polo tanto, o principio de autoridade do profesorado, nin a redución da conflitividade o que a move para elaborar este proxecto. A verdadeira e única intencionalidade deste anteproxecto de Lei non é dar cobertura legal á consulta dos pais e das nais para determinar a lingua de ensino, unha vez que o informe do Consello Consultivo ditaminou a súa ilegalidade, co obxectivo claro de marxinar, aínda máis, o noso idioma no ensino. Por iso se lle dá rango de lei, xa que para o resto do seu contido abondaría cun regulamento, mediante un decreto.

A pretensión de dar cobertura legal a que as familias participen para definir a  política educativa e idiomática, ademais de ser ilegal por conculcar dereitos recollidos no Estatuto de Autonomía, na lei de Normalización Lingüística, na LOE  e na propia Carta Europea de Linguas Minoritarias, supón un disparate, tanto social como pedagóxico. A educación, como servizo público básico, compétenos e interésanos a todos os cidadáns e cidadás. Porque todos e todas contribuímos cos nosos impostos a mantela e porque o futuro dunha sociedade está condicionado polo modelo educativo. A programación xeral e a ordenación da educación correspóndelles exclusivamente aos poderes públicos e a procura da normalización lingüística é unha obriga da administración galega. Os pais e as nais xa teñen fixadas as súas canles de participación, mediante as ANPAs e os consellos escolares.  Neste caso, a cuestión reviste maior gravidade, xa que o que se busca é prohibirlle ao profesorado impartir aulas no noso idioma e impedir a normalización lingüística,  en definitiva, erradicar o ensino en galego.  O procedemento de "participación directa das familias  no ensino e no proceso educativo" non é máis que unha ferramenta para uso partidario, antidemocrático e manipulador, tinxido de participación, para conseguir avalar unha política anti-galeguizadora e retrógrada. Alguén no seu san xuízo defendería que as nais e os pais fixasen, por exemplo, a carga lectiva e as materias que se deben impartir en cada nivel educativo ou os currículos educativos? Ou que os familiares dos doentes decidiran a medicación a receitar aos pacientes, impóndolles tamén os criterios de actuación profesional aos propios médicos e médicas? Sería de cándidos  pensar que esta artimaña, inventada polo Partido Popular para perseguir o noso idioma,  tamén se vai utilizar, por exemplo, para consultar  se se está de acordo ou non con que o 11% do orzamento da Consellaría (250 millóns de euros) de cada ano se desvíe para subvencionar o ensino privado-concertado, ou  se é necesario máis profesorado nos centros e a redución das ratios de alumnado por aula.

Mentres, o profesorado, os profesionais do ensino, é absolutamente ignorado, non se lle ten en conta nin se lle permite a súa opinión e, moito menos, a negociación cos seus representantes, tal como é preceptivo legalmente. Todos e todas sabemos que calquera consulta que programe esta Consellaría nunca será en beneficio de maiores investimento para o ensino público, para a súa  galeguización ou para dotar de máis servizos e profesorado aos centros escolares.

Son, polo tanto, motivacións políticas espurias, as que levaron á Consellaría a presentar este proxecto de Lei, importando tamén propostas lexislativas lideradas por aqueles sectores máis extremistas do Partido Popular, tendo os seus antecedentes e alimento na Lei de autoridade  del Profesor, aprobada  en xuño do 2010, na Comunidade Autónoma de Madrid. A falta dun modelo educativo galego e o seu centralismo pernicioso, comporta  que o PP presente unha proposta de lei para realidades escolares alleas a galega, nas que a conflitividade escolar  pode ser  máis  preocupante e ten outras características diferentes á nosa.  A conflitividade escolar galega, segundo todos os informes, non reverte, en termos globais, agás casos illados, en ningún tipo de situación alarmante. A percepción xeneralizada entre a comunidade escolar non é outra que a de que a conflitividade nos centros, ademais de ser reducida, é maioritariamente disruptiva, ligada,  moitas veces, á desmotivación do alumnado, nomeadamente na ESO. Se nos atemos aos expedientes disciplinarios, como indicador da conflitividade nos centros, a media non alcanza nin sequera o 0,3% nos últimos dez anos, oscilando entre o 0,31% e o 0,27%. Isto amosa  que o PP está interesado en reforzar esa  visión alarmista que busca sobredimensionar unha problemática, distorsionando a realidade dos centros educativos públicos para reforzar e potenciar a escolarización nos centros privados concertados.  Mais o que realmente se necesitan son recursos e medios para atender a un alumnado cada vez máis diverso e para facer fronte ao fracaso escolar .

É preocupante que con esta lei se estea trasladando á sociedade que a mellora da  convivencia nos centros escolares só ten solución con actuacións coercitivas, disciplinarias e represivas e non con actuacións formativas e educativas, cando a solución pasa por aplicar medidas pedagóxicas e de atención á diversidade. Temos que ter en conta que moitos dos comportamentos que inflúen na convivencia teñen relación directa co fracaso escolar e a obxección a aprender. Polo tanto, habería que investir en persoal, en formación e en recursos, e non en procurar xudicializar o sistema educativo.

Os problemas do Ensino non se resolven con propaganda barata. A presunción de veracidade ou o recoñecemento da autoridade pública do profesorado da que falan non son criterios que empregan ao prohibir por decreto dar aulas en galego en determinadas materias,  recortar o noso salario, recargar o profesorado con numerosas tarefas burocráticas, ampliar as súas responsabilidades, realizar traballos e funcións que non  lle  corresponden, impartir materias das que non é especialista, etc. Tampouco son os que presiden as relacións cos centros escolares aos que lles negan sistematicamente as peticións de profesorado e outras dotacións para facer fronte ás necesidades de cada centro. Cuestións todas elas que verdadeiramente redundarían no recoñecemento da función docente do profesorado e na mellora da calidade do ensino.

Ao longo de diferentes normas educativas, o profesorado observou como o claustro de profesores ía perdendo competencias  educativas, pedagóxicas e laborais e como se incrementaba a xerarquización, creando múltiples perfís que nada achegaron ao traballo en equipo e á cooperación, coordinación e interacción do profesorado. A xestión democrática dos centros segue tendo grandes carencias, o modelo actual tende á xerarquización e suprime a elección democrática directa das direccións nas que se concentra o poder de decisión. O feito de que a Consellaría desconsidere o traballo dos docentes lévaa a que, mesmamente, nos desautorice como colectivo ante a sociedade. Esta lei nada aporta  para mudar esta situación.

Trátase, en definitiva, dunha lei, tal como xa afirmamos, cun obxectivo pernicioso: prohibir ensinar en galego. A fundamentación da lei baséase en criterios correctivos e non formativos e educativos. Obsérvase unha tendencia á xudicialización do sistema educativo, en lugar do principio que a escola ten que ter como primordial que non é outro que a formación integral da persoa, tanto na súa dimensión persoal como social. Temos que desenmascarar, máis unha vez, esta burla e exixir medidas reais para atender a diversidade escolar, mellorar a convivencia nos centros e valorar, na súa xusta medida, o noso traballo como docentes. Para iso é preciso unha nova lei. De aí que só caiba a retirada deste proxecto, abrir un amplo debate social, nomeadamente no ámbito do ensino, convocar a Mesa Sectorial e, a partir de aí, elaborar unha verdadeira Lei do Sistema Educativo Galego que dea resposta satisfactoria ás necesidades da educación pública galega que pasan por, entre outras,  derrogar o decreto 79/2010 de plurilingüismo no ensino, avanzar na normalización, dotar de profesorado suficiente os centros públicos, reducir o alumnado por aula, incrementar o investimento no ensino público, até o 7% do PIB, para facer real a igualdade de oportunidades; incrementar os recursos para a atención á diversidade e á educación personalizada e mellorar as condicións profesionais e laborais do profesorado, restituíndo,  en primeiro lugar, os seus salarios. Esta sería a única maneira de que o alumnado galego teña o ensino que lle corresponde e de que o profesorado poida desempeñar o seu traballo en condicións satisfactorias. Esta é, e non outra, a autoridade que precisa e demanda o profesorado galego.


[23-01-2011 21:29] Meniño das Pontes comentou:

Grazas ao paleofascista da foto, Jesús Vázquez Abad, e ao neofascista Anxo Manuel Lorenzo Suárez, a nosa lingua está esmorecendo sen ninguén que chore por ela. Que o peso da súa morte caia sobre eles. Que ninguén esqueza os seus nomes nin os seus actos. Que as súas vergoñentas accións sexan lembradas por sempre no Panteón dos Asasinos da Lingua Galega.

[22-01-2011 18:18] Antonio das Mortes comentou:

A ver cando se saca unha lei para a "participación directa das familias na economía e no proceso productivo"!!??

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña