09:18 Sabado, 15 de Marzo de 2025
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-03-2010

O estilo “curuño” foi ideado hai anos seguindo a filosofía de Paco Vázquez a respeito das cidades-estado

Estilo curuño

Valorar (28)

LOIS DIÉGUEZ


Cartel dunha praia da coruña

O estilo “curuño” foi ideado hai anos seguindo a filosofía de Paco Vázquez a respeito das cidades-estado. En realidade tampouco non resultou idea orixinal, pois copiouna dun grupo de curuñeses (políticos oficiais todos), que abandeiraban a esta fermosa cidade da Coruña como capital de Galiza. El, desde o socialismo, tomou as rendas e abriu batalla no primeiro parlamento galego. Con isto conseguía dous obxectivos: entrar pola porta grande da política galega e usala para proveito propio. E conseguiu ambas as dúas cousas. Non era difícil atinar, pois para iso chegaba tamén con dúas condicións: moito peito e moita ambición. Importáballe un pito que a súa acción acabase por enfrontar aos propios galegos e galegas. A Coruña, así, controlada por el e uns cantos amigos (o xornal sonado, os da Caixa, os das grandes empresas capitalinas), pasou a ser, en termos da política amadrileñada, sitio distinto, diferente ao resto desa Galiza de seu que seguen a considerar paiola.

Temos, pois, formado o estilo curuño, aquel que odia calquera aspecto de diferenciación propia, xenuína. Aquel que, seguindo a historia da monarquía española, toma como convicción o traballo continuado para que a nosa cidade sexa sempre baluarte da españolidade e realeza. Distinguida fronte ao resto do país como espazo aseñoritado, trono dos elixidos, estrela da modernidade. E desta filosofía sae o que temos: estética do cemento, paiola, sen graza; odio ao natural (pásase a vida á caza dunha herba que agroma ou do rochedo natural da costa que hai que afogar coa pedra artificial); desprezo e abandono pola cidade vella, a zona máis fermosa e con máis personalidade da Coruña, a máis galega, logo; acento castelanizado que remata en híbrida música que fai rir aos mesmos que arremedan. E, sobre todo, ataque constante á bandeira máis visíbel: o idioma propio, mais iso si, en nome da liberdade e da de democracia.

É a caste dos que mandan, non a popular, pois a popular segue a manter, contra vento e marea, o seu estilo: galego, por suposto. Coas súas contradicións, e co peso sempre ameazante do estilo curuño para que o complexo siga a despersonalizar e a potenciar o híbrido. O estilo curuño é, pois os deses que teñen a tixola ben suxeita polo de agora, e que medran persoalmente a base de facer retroceder a historia. Explota o autoodio e séntese nel como na casa.

E os alcaldes que viñeron despois, as corporacións postvasquistas, seguen ao pé da letra a súa máxima. Tanto ten que sexan do PP ou do PSOE. Asistir a un pleno do noso concello é entrar no século XIX. Salón escuro, cativo, sen apenas prazas para os viciños, que lembra máis unha sala do Xulgado que un salón de actos. Acaso prime neles a idea de solemnidade e dominio con tal estética, non adaptada, precisamente, a unha concepción democrática e participativa. Estilo reseso, argumentos sempre aprexuizados, Bandeira, como diciamos, españolísima, “porque La Coruña es España y tenemos libertad de hablar como nos dea la gana, dea la gana”. Por iso non soltan nunca unha soa palabra en galego. Como se iso fose cousa de apestados. Carmen Marón, meu deus, con ela entramos no señoritismo decimonónico. O tal Negreira, de apelido tan galego e de práctica castiza, pero da corte, exemplo puro do individualismo que acabou traendo esta política teatreira de feira e de pandeiro. E o señor alcalde, de raíces monfortinas, como as miñas, seica, ao que nunca lle ouvimos tampouco algo de noso, brillante ou esperanzado. O gris xesuítico sobre a alfombra do arremedo.

E agora, despois da única luz que brilla neste concello — abandeirada polo nacionalismo, por esa admirábel concelleira (Ermidas Valencia) que, contra vento e marea, segue a batallar pola nosa dignidade colectiva—, acaba de dicir el, o señor alcalde, sen avermellarse, que sempre cumpriu a Lei de Normalización lingüística (mentireiro mentirán, que che van saír pintiñas brancas nas unllas). E aínda máis: que se os topónimos e os nomes das rúas que seguen a manchar as placas da cidade, están en “híbrido”, españolizadísimos (sen tocar desde a época de Franco, lembramos), é debido a «el principio de austeridad, y cuando haya que cambiar las placas, y con el fin de no gastar más dinero del necesario, este gobierno cumplirá la ley. Hay que optimizar los recursos, y en el momento que se cambien las placas, se pondrá el topónimo que corresponda para cumplir la ley». Principio de austeridad. Caraina, que aforrón saíu o tío. O ferruxe franquista, o estilo curuño (soy de la calle/rúa/avenida de Arteijo), ciscado polas rúas da Coruña desde a etapa do franquismo. Quen poderá crer en calquera afirmación, calquera suxestión que poida ofrecer o compa? Estilo curuño, logo. Violación constante da historia e da  modernidade real. Autoodio. Retroceso na evolución social, no campo da economía e do traballo (políticas faraónicas, personalistas que custaron a perda de moitos postos de traballo).

A historia xa vai longa, e esa é a esperanza, pois os coruñeses e coruñesas temos agora a posibilidade de analizar o desenvolvemento económico, político e social de todos estes anos e tirar conclusións. E ir debilitando, loxicamente, este estilo “pijo” cuxo nome abre o sorriso do sarcasmo: estilo curuño. Agardo que Lino Braxe ou Francisco Peña e os seus amigos lle sigan compoñendo esas fermosas e cómicas cancións. O humor sempre gañou as batallas.

1 2 seguinte

[28-04-2010 ] J. Antonio Rodríguez comentou:

Pois precisamente iste é o tipo de artigo que compre antes dunhas eleccións. Mentres Castrillo acudía ás procesións en Vigo, por ter unha visión parecida á de Alvedro, Lores deixaba de ir e fulminaba ás mises e as corridas. Así acabou cada un.

[08-03-2010 ] Francisco Alvedro Lopez comentou:

Benquerida Ari:

Es coruñesa?. Eu, nacionalista, bisneto, neto e fillo de coruñeses, vexo este artigo simple e descoñecedor da realidade da cidade. A Coruña foi e é unha das vilas galegas máis castigada pola imposición españolista polo que este tipo de valoracións semellan escasamente precisas.

[08-03-2010 ] Abelardo del Caño comentou:

É certo que na nosa cidade (ainda que leve 26 anos en Madrid, é a miña cidade) ten un grave problema : o señoritismo, entendido como apéndice dos esquemas servís dos arquetipos da capital do seu reino no noso (Galiza). É certo tamén que unha parte importante da poboación deixase levar polo señoritismo paifoco mais casposo, é ben certo que no río, deixarse levar pola corrente é o mais cómodo. Pero coruña tamén ten unha Universidade popular nas suas ruas... A pouco que prestes os sentidos en cada barrio da cidade podes escoitar en vellos e mozos tamén galego de todo o Reino (Ouresás,xentes do Carballiño, da Rúa, lucenses da montaña e da mariña, Ferroláns, xentes de Cedeira, de Cariño... Piratas (é broma!) de Ribeira, seseos de Muros, fermosas verbas ainda de Vimianzo, de Muxía...e que sería o noso país sen os vigueses?) en fin unha enciclopedia viva para que quera e sepa ouvir...Por riba dos Señoritingos do Casino, da Caixa, do Pastor, etc, etc hai unha coruña que latexa mais fonda ca eles. Eu aprendín a coñocela e amala r sen sair de Monte Alto, Alí coñecín a Galiza enteira, a Galiza verdadeira! Esa é a Galiza pola que temos que nos unir e loitar! Saúdos e unha aperta

[07-03-2010 ] Francisco Alvedro Lopez comentou:

Independentemente do contido, moi discutible e simplista, non sei se este tipo de artigos é o que Henrique e Ermidas necesitan a poucos meses das eleccións.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña