O goberno de Núñez Feijóo e os seus altofalantes teiman en presentar o decretazo contra o galego como unha proposta polo "equilibrio", o "bilingüismo" ou o "plurilingüismo". É fundamental que desmontemos no noso entorno todas estas falacias e que expliquemos o que de verdade vai significar esta nova norma.
A plataforma Queremos Galego, impulsada pola Mesa e constituída hoxe por case 700 entidades, elaborou un decálogo no cal resume as principais razóns para rexeitar esta involución educativa e cultural. É bo coñecelo e difundilo entre os nosos contactos, aproveitando todas as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías. Entre eses motivos, hai un que é o verdadeiro aspecto central desta norma: o varrido absoluto do galego en toda a educación infantil nas cidades e principais vilas do país. Isto é, ningunha nena ou ningún neno poderá ter contacto escolar normal coa lingua propia de Galiza até facer os seis anos! Ou, ao menos, iso é o que pretende o Goberno galego e o que nós temos que impedir que chegue a consumarse, pois do contrario significará unha aceleración brutal da residualización do noso idioma. Reparemos no que di o artigo 5 do decretazo, nas súas tres primeiras epígrafes:
1. Na etapa de educación infantil, o profesorado usará na aula a lingua predominante entre o alumnado, se ben deberá ter en conta a lingua do contorno e procurará que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia dentro dos límites da etapa ou ciclo. 2. A lingua predominante do alumnado determinarase de acordo co resultado dunha consulta que se efectuará a cada familia antes do comezo do curso escolar acerca da lingua materna do seu fillo ou filla. 3. Atenderase de xeito individualizado o alumnado que non teña coñecemento suficiente da lingua predominante. Reparemos no que isto significa:
a) A diferenza do decreto anterior, que determinaba que ao menos a metade do horario debería ser en galego tamén nesta etapa, o decretazo de Núñez Feijóo estabelece unha única lingua a utilizar de forma habitual polo profesorado. (Que equilibrio! Que bilingüismo! Que plurilingüismo!)
b) Esta única lingua será a "predominante", que identifican como a que a maioría estabeleza como a "lingua materna". Isto é: na consulta nin tan sequera se preguntará ás familias en que lingua queren que se escolaricen os seus fillos, senón que se inquirirá sobre a lingua en que lles falan. Deste xeito, se unha familia español falante quere que as súas crianzas tamén reciban ensino en galego na educación infantil, verase obrigada a mentir na consulta.
c) Posto que a lingua familiar predominante nas familias das cidades e principais vilas de Galiza é o español, reforzarase aínda máis a ausencia e descoñecemento do galego, sen ter en conta nin tan sequera as minorías cuantitativas que queiran educar os seus fillos e fillas con normalidade na lingua do país.
d) A epígrafe 3 está pensada para aqueles casos onde -a pesar do proceso de desgaleguización e da escasa consciencia lingüística- se manteña e declare o galego como lingua familiar predominante. Arróupase neses casos aos sectores minoritarios que rexeitan o galego, para que poidan alegar "descoñecemento" para unha atención particular ás súas crianzas.
[19-03-2010 ] Carlos Callón comentou:
Compañeiro, hai que estudar todas as vías de denuncia nos tribunais (onde hai limitacións ben coñecidas, pensemos en sentenzas anteriores nas que non se fixo nada sobre o incumprimento ben probado de anteriores decretos), a nivel internacional e, sobre todo, o máis decisivo, continuarmos coa mobilización social.
As denuncias a nivel internacional tamén suporán un proceso lento, mais é previsíbel que antes de que finalice a lexislatura exista un ditame do Consello de Europa contra o decretazo.
En calquera caso, cómpre termos claro que o máis importante e o que pode mudar as cousas na realidade é a mobilización.
Forza!
[18-03-2010 ] Eu comentou:
Estimado Carlos, son pai dun neno que vai empezar a escola nunha cidade e estou moi preocupado por este contradecreto. Sabería alguén dicir aproximadamente canto poderían tardar en pronunciarse os tribunais sobre el? Eu estou convencido de que non é legal, vai contra a LNL.
Os campos marcados con* son obrigatorios.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.