Para unha lingua ameazada e sen protección real como como a nosa a morte dun falante de vello, é dicir dun galego ou galega cuxo nacemento se producise na primeira metade do século pasado, supón de facto a morte agónica da propia lingua. Canto vocabulario se perde coa desaparición dun vello mariñeiro ou dunha labrega de calquera das nosas aldeas? Cantas lendas, cantigas, refráns, adiviñas ou microtopónimos desaparecen irrecuperábeis cando das nosas aldeas, barrios e lugares se van os seus derradeiros moradores?
Lembrando estes días de choiva incesante e teimuda aos xa finados de meus pais, pensei no dominio que, sen que nin eles nin nós os fillos percibiramos, tiñan da súa lingua. Esa lingua que, por suposto, xa tiña arraigados castelanismos ou expresións froito do colonialismo idiomático, mais conservaba pureza e espontaneidade no uso e unha riqueza digna do mellor dos dicionarios en canto a substantivos, verbos ou fraseoloxía.
Pensemos tan só en exemplos sinxelos de palabras como as que definen as ferramentas do agro, do mar ou do tempo climático e as ducias de variantes segundo a zona do país onde nomeemos o mesmo obxecto ou concepto. Quen emprega hoxe o termo serodio en ven de tardío? Quen fala de raro ou rarear cando a influenza do castelán nos incrustou separado ou separar? Cantos galegofalantes de hoxe usan enxoito e cantos seco? Porque dicimos é de día ou é de noite cando até a cantiga nos di que o galo cando canta é día? Cantos diferenciamos o imos e o vamos, o encetar e o comezar ou urna e furna?
E que podemos comentar de palabras castelás tan fortemente cravadas na nosa fala que até empregar as patrimoniais dun xeito cotián fai que remates traducindo ou dando toda clase de explicacións? Probastes a pedir un xeado de tona? E de amorodo? Se tendes cativos, fostes algunha vez mercar unha xeonlleira? No inverno regalastes algunha vez unhas luvas? Nas ferraxarías xa non venden billas?
Sei que non falo de nada novo, que estes síntomas de enfermidade están nas mans da medicina e que tamén sabemos da menciña, mais cando imos comezar co tratamento, coa medicación? Temos que ser conscientes de que o corpo está enfermo e feble, e ataques como os que está a sufrir por parte dos sectores reaccionarios da sociedade poden acabar cunha defunción demasiado temperá.
Probas de forza, de reacción como as masivas manifestacións de amor pola lingua que encheron Compostela, ou o concerto que fixo pequeno o Recinto Feiral de Pontevedra, fan pensar que este enfermo pode reanimar, mais aínda e así, aínda que logremos vencer na batalla contra os políticos taciturnos e desleigados, fica vencer na batalla da recuperación total.
Cómpren máis estudos serios no campo da lingüística capaces de, non só recuperar o fermoso patrimonio da nosa lingua en libros ou dicionarios senón, difundiren este para que volva ter o seu lugar de uso. Cómpre, antes de que o abandono rural sexa total, ter elaborado o mapa microtoponímico do país, xunto con lendas, adiviñas, contos ou refráns asociados a milleiros destes lugares.
Cómpre que mestres, mestras e profesorado en xeral, cumpran escrupulosamente co decreto que o Partido Popular pretende derrogar, sen manobras desleais e propias de malos ensinantes como a de teren os manuais en galego e daren aulas en castelán (para isto pais, nais e compañeiros de profesión han de dar o paso da denuncia, da non conformidade diante da trampa). Cómpren verdadeiras políticas normalizadoras capaces de recuperar ou, nalgúns casos, instaurar prestixio na lingua propia. Capaces de que as novas xeracións, as mozas e mozos sexan quen de fachendear co propio e non co mimetismo do alleo.
Os apuntamentos que veño de receitar son pequenos remedios, non son suficientes para a curación total. Como dicía, sabemos da menciña que pode sandar este enfermo. Está probado nas mellores boticas da lingüística mundial e ten un nome moi concreto: Inmersión Lingüística.
[26-04-2010 ] Manuel I. Nanín comentou:
Noraboa Eladino!
Máis que deixar a miña opinión sobre o contido e sobre o que nel debullas, que sabes, imos os dous collidos da man, eu quédome coa túa sensibilidade, co compromiso e co teu cariño con todo o que escribes. É unha ledicia poder ler e compartir os sentimentos que de ti agroman. O doado que para ti é, facer comprensible, o que para moitos de nós é un quebradeiro, e máis, falando de asuntos nada sinxelos, onde non agochas nada. Es como es, e iso aos demais fainos mellores. Parabéns e moito máis!!
[20-04-2010 ] punxinesa comentou:
Noraboa polo artigo, Eladino. Eu inda engadiría un "cómpre" máis: cómpre que todas e todos interioricemos estas necesidades e comecemos polo máis difícil (ou o máis fácil, segundo se mire), que é falar galego decote, tentar facelo correctamente, como o facían o teu pai e a túa nai, como o fai a miña avoa, do xeito que xa non o facemos unha grande maioría de persoas da nosa xeración. Poñámonos xa á tarefa.
Que bo artigo, "aiougha!"
[20-04-2010 ] punxinesa comentou:
Noraboa polo artigo, Eladino. Eu inda engadiría un "cómpre" máis: cómpre que todas e todos interioricemos estas necesidades e comecemos polo máis difícil (ou o máis fácil, segundo se mire), que é falar galego decote, tentar facelo correctamente, como o facían o teu pai e a túa nai, como o fai a miña avoa, do xeito que xa non o facemos unha grande maioría de persoas da nosa xeración. Poñámonos xa á tarefa.
Que bo artigo, "aiougha!"
[19-04-2010 ] Marikinha comentou:
ohhhh si!!
Eu aínda digo enxoito, encetar...mais xa non sei a diferenza de imos e vamos...sempre dixen imos...vamos soábame moi castelán, mais recoñezo que moita xente di "vamos" e "vades". Tamén coñezo o de furna e urna. Mais por desgraza cando vou comprar unha empanada de "follado" xa non fpodo dicir esa palabra...teño que castrapizala e usar "hoxaldre"...hai que foder...!!! O de amorodo...eu prefiro usar morango aínda que ninguén entende nin a unha nin a outra...polo que acabo dicindo fresa...as xeonlleiras tamén o uso!! Simplemente hai que ter consciencia e tentar dicir ben as cousas!!
Ensinarei ben os meus fillos! Castrapismos fóra da miña fala!!
Os campos marcados con* son obrigatorios.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.