08:57 Sabado, 15 de Marzo de 2025
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-04-2021

Iste apelido é orixinario da parte de Ferrol e A Coruña

O apelido “Tenreiro” : posibilidades de interpretación

Valorar (9)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Deixamos de barallar a posibilidade que a orixe deste apelido se deba a un “terneiro” ou “ternero ” catelán pois nunca foi esa a denominación galega do animal.

Varios nomes galegos segundo a zona, se barallan para os fillos novos do gando bovino : BECERRO, XUVENCO, VITELA, CUXO,…..pero non “terneiro”. Temos que procurar outros camiños,…

A primeira idea xurdiu-nos cando andabamos á explicación do apelido CADERNO, que aparece polas terras do Carballiño.

Entendemos que CADERNO , procede do latino QUATERNO, indicando o fillo nascido en cuarto lugar.

Os romanos non eran moi imaxinativos para asignar nomes aos fillos, e así ao que nascia de primeiro chamabán-lle PRIMUS, ao seguinte SECUNDUS,…
e así temos ainda hoxe actuantes como nomes ou apelidos , os  de: PRIMO, SEGUNDO, TERCEIRO,  QUINTO, OCTAVIO ou NUNO.

Así o expresa o P. Sarmiento : “Entre los romanos se distinguían los hijos por el orden numeral de su nacimiento, v.g.: SECUNDUS, QUARTUS, QUINTUS, SEXTUS, OCTAVUS, etc.Las hijas, siendo niñas, se llamaban con diminutivo: QUARTILLA,QUINTILLA, SEXTILLA, y de DÉCIMA, DECIMILLA, y de UNDECIMA, UNDECIMILLA, de lo que hay inscripción romana…”

Para o fillo número tres, ainda se usa o apelido TERCEIRO no noso País; pero aquí é onde pensamos puido ser utilizado tamén o nome de TERNO, co mesmo feitío que CADERNO por cuarto.

Daí sairía tamén o apelido español TIERNO ( Tierno Galván ), que nada tería a ver coa “ tenrura”  e todo coa serie numérica filial.

Aí é onde matinamos se o noso TENREIRO, il non procedería dun fillo TERNARIUS > TERNEIRO, e por unha posíbel metátese, sairía o  TENREIRO actual.

Unha segunda posibilidade xurde se pensamos que aos fillos nascidos antes de tempo  chamáronse de, TEMPOREIROS. De un TEMPOREIRO, podería sair ( ainda que difilcutosamente )  a traveso de TEMP´REIRO, o noso TENREIRO.

Finalmente, a teoría que máis me convence , xurdiu cando consultamos a antiga documentación portuguesa, onde chaman de TEMPREIROS aos templarios, ou monxes da Orde do Templo de Xerusalén.

A sua presencia  nas terras coruñesas está acreditada pola situación da sua Bailía ao pé da Ponte do Pasaxe, e a existencia do lugar que ainda loce o nome de TEMPLE.

Así teríamos : TEMPREIRO > TEMP´REIRO > TENREIRO, onde o proceso sería ben doado e esperado.

Seica era costume de vestir aos mociños coa roupa dos monxes e dos relixiosos ficando-lles o apelativo para toda a vida.

Ise é a orixe de moitos distes apelidos.

Lembramos na nosa infancia, a un rapaz que vestian coa roupa  dos relixiosos, e ainda hoxe se lle coñece polo nome de, “ O Curiña”.

Lemos no Viterbo: “ FRADE. Antigamente se intitulavam muitos seculares com iste alcunho; ou por que haviam entrado em alguma religiao, em que nao permaneçeram; ou porque sendo meninos, andaram vestidos como frades, por devoçao dos seus pais,….”

E ainda: Estes meninos ( moçocos) como adidos ao serviço da Igreja, e participantes dos seus emolumentos e benesses, foram chamados MÓSSINHOS, MONGINHOS, MONACILHOS e MOÇOCOS……..

Así o apelido TENREIRO  estaría á par doutros moi semellantes que circulan hoxe polo País, como : FREIRE, MONXE, ABADE ou FREI.



                       

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña