08:51 Sabado, 15 de Marzo de 2025
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-04-2021

O obxectivo é aproximarse á delimitación do que foi o mapa da Gallaecia antiga

Tongobriga, un castro imprescindible “gallaecia bracarense”

Valorar (12)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ




Os estudos sobre Galiza están eivados se non se enxerga, nin se interrelaciona dende a mesma prehistoria a  súa constitución e a evolución: polo Sur ata o río Mondego lusitano e polo Este moito habería que falar respecto da Gallaecia Asturicense. A interacción cos estudos portugueses abandeirados polas universidades enténdese fundamental pra ampliar perspectivas, coutadas por tópicas orelleiras  

O obxectivo é aproximarse  á delimitación do que foi o mapa da Gallaecia antiga, constituída co cambio de era . Ao fin do seculo III coas reformas de Diocleciano  promovida á categoría de provincia romana para formar parte da Hispania Citerior ou Tarraconense. Compre madurar nun debate enviciado e interesado arredor do que foron para gregos e romanos expansionistas os seus “outros”, aos que chamaban celtas ou celtíberos e que se estendían ate estes confíns , o máis alá das Columnas de Hércules ou de Briareo...complementar así o quebracabezas da Cultura Castrexa . a que algúns, como Cuevillas e a Xeración Nós, poñen en relación co panceltismo europeo de carácter etnocultural, entón arqueolóxico,  estudado entón  como “ La civilización  Céltica en Galiza” (1953).    

Estudos para os que teremos moi en conta a máis do territorio leonés , asturiano e cántabro , zamorano... as terras lusas de Tras os Montes, o Minho e o Douro en interrelación coa nova Arqueoloxía e mesmo coa Museoloxía, co exemplo en rehabilitación, revitalización, isto é  en xestión do patrimonio cultural. As universidades galegas sendo leais aos seus principios universais non deben esquecer onde radica a súa mesma esencia de universalizar as particularidades.  Cuestións que se perden máis alá  do Romanticismo  e se estenden aos pioneiros da Arqueoloxía científica .

Lembramos a fonda amizade de Murguía co “Arqueólogo portugués” Leite de Vasconcelos,  a de Florentino López Cuevillas  con Mario Cardoso ou  Santos Junior, entre tantos outros ou máis recentemente  a do malogrado arqueólogo Carlos Ferreira de Almeida con Fernando Acuña Castroviejo, entre moitos máis investigadores desas cuestións arredor das que latexaba o problema “celta”.  Velaí o que hoxe se considera  imprescindible,  un clásico  “A cultura castreja no Noroeste de Portugal”, libro editado polo Museu Arqueológico da Citania de San Fins, Paços de Ferreira (1986) de Armando Coello Ferreira da Silva.   Os castros de tras do Miño, como o  de Santa Luzia, Briteiros, Sobroso, Sanfins, Monte Mozinho, Carvalhelhos, a Curalla....e moi especialmente  o que hoxe nos trae aquí, Tongóbriga, deben de estar sempre nos horizontes próximos das pescudas castrexas e da romanización.  

Detémonos  aquí  entre terras dos ríos Támega e Douro , cursos navegables na antigüidade,  territorio delimitado  pola Serra do Marao, que abrangue o municipio de Marco de Canaveses, para dirixirnos á freguesía do Freixo e ao seu gran castro ou “civitas”, “citania” como prefiren os portugueses, de Tongobriga, asentamento próximo a outros máis pequenos castros como o de  Aradros e Quire.

Pese á magnitude de Tongóbriga non se coñecen no seu contexto inmediatos recursos naturais, como os mineiros, si acaso os agrupecuarios,  si está demostrado o seu interese xeoestratéxico, entre as rutas fluvais do Douro e o Támega, abrindo camiños cara ao mar e ao interior da Gallaecia.   Aínda dada a importancia deste asentamento non está demostrado que os tombrigensis formasen parte dos “populi” coñecidos da Gallaecia. Acaso pertenceran aos grupo dos Tamaricani (os das ribeiras do Támega).  Núcleo  circundado por un groso muro e foxo exterior, que ocupa unhas 30 hectáreas, incluíndo a necrópole e un santuario rupestre asociado a algunha divindade astral, a xulgar polo trisquele aparecido nun lugar que aínda  hoxe chaman de xeito cristianizado “San Solimao” . Hectáreas entre as que 7 están ocupadas por estruturas de habitación. Calculase que tivo unha  poboación de  2500 habitantes.  




Unha lección de Arqueoloxía castrexa e da romanización  

Xacemento arqueolóxico que consideramos de obrigada visita pra quen queira complementar o seu saber ao respecto das orixes da Gallaecia e da romanización. Tongobriga é  topónimo de raíz prelatina, e por que non dicilo , céltica,  velaí o sufixo “briga”, atribuído aos pobos de lingua celta,  en relación con monte. Así pois como outeiro murado,  en relación coa raíz  “Tongo., quizais antropónimo..” (?). Lugar que despois do seu abandono forneceu de pedra, “espolia”,  pra novas edificacións; ademais rodeado de lendas,  coñecido polos camponeses como “Capela dos mouros” en relación con  eses seres míticos que ao longo da historia  acabaremos confundindo cos exóticos islámicos, cando máis poden estar en relación cos que “memoran” (derivado do verbo irregular latino “moneo”) alugares memorables, orientadores, de memoria dos devanceiros. Nome prerromano de Tongobriga que, como estratexia conciliadora,  foi mantido  pola administración romana. Na súa proximidade está o lugar de Ambraes que tamén nos remite a un topónimo coa mesma raiceira.  

Do 1758 queda constancia que o párroco de Santa María do Freixo  refírese aos cultos que se renderon neste lugar a “falsos deuses”. Máis as primeiras pescudas arqueolóxicas remóntanse ao 1882 e ao romántico Martíns Sarmento, o arqueólogo empeñado en escavar e estudar os seu predio castrexo de Briteiros, en terras do rio Ave, entre Braga e Guimarâes, inseparable do movemento romántico portugués, amigo do escritor Camilo Castelo Branco, do naturalista Alberto Sampaio...humanistas, referentes para os galegos do Rexurdimento. Martíns Sarmento deixa referencia dun epígrafe atopado nun pozo da aldea do Freixo coa dedicación a un  “Genius tongobrigensis”     

No século II Ptomomeo refírese a Tuntobriga, situándoa  entre o Douro e Minho e especifica  que está dentro do territorio dos “Callaeci Bracari” . Hubner, Martíns Capela e máis tarde Manuel de Vasconcelos e M. Vieira de Aguiar insisten no interese  arqueolóxico do sitio.



A asimilación e interpretación progresiva dos gustos romanos na sociedade castrexa 

As escavacións arqueolóxicas en Tongóbriga , son recentes, como os seus estudos,  non comezaron ata 1980 dirixidas por Lino Tavares Dias. Asentamento no que se fai patente a aculturación sufrida pola  poboación indíxena nun longo proceso romanizador que culmina despois das Guerras Cántabras e con Augusto , isto é nos anos inmediatos ás reformas do cambio de Era. Momentos nos que  o asentamento adquire un rango de “civitas” cun importante papel nos dous primeiros séculos e na consolidación da política administrativa e económica da dinastía Flavia, ampliando e asegurando os limes do imperio en  zonas ricas en estaño, ferro e ouro e cun importante aporte  humano á milicia, ao traballo mineiro e ao artesanado.  Son momentos nos que se estende o “Ius latio” outorgando a algunhas “civitas” e “mílites” privilexios xurídico administrativos e mesmo rango a “vernae exactor”, escravos liberados pra cumprir funcións fiscais. A romanización dos castrexos é a asimilación faise de vagar e neste proceso vanse collendo os hábitos do mundo romano, máis por reinterpretación que por aprendizaxe...e velaí unha característica.

En base aos achados ponse como un inicio para este habitat a mesma época das primeiras  incursións romanas  por rutas e confíns  que se dicían xa concorridos por nautas tartésicos,  fenicios e gregos. O que acontece despois de asasinar a Viriato,  as protagonizadas por Décimo Xuño Bruto (138-136 a. C), en diferencia a orixes anteriores como se manifesta en castros da mesma área, como no Monte Mosinho.  Tongóbriga  vive as campañas de César (60 e 0 61 a.C.) e logo as “Bellum Cantabricum”  (27 ao 14 a.C), empeño de Augusto , nas que o mesmo “princeps” participa coa ansia de consolidar a “Pax Romana”. É este o momento no que o legado Publio Carisio,  a xeito conmemorativo acuña moeda, un “As” de cobre que no anverso representa a “caetra”, o escudo dos guerreiros galaicos. Coa dinastía Xulio Claudia (27 aC- 68 dC) vanse reinterpretando xeitos de vida romanos: casas cubertas de tella, muíños de roda, cerámica sigillata, antropónimos indíxenas latinizados ...

Xacemento no que aparecen complementos da armadura de lexionarios, fibelas e cerámicas  de importación e copias locais que denotan o momento. A partir de entón este habitat acada o seu maior esplendor para ser “oppidum”  que  estrutura o territorio, como un xeito de principado centralizado, posiblemente gobernado por un xerarca da casta militar. Unidades territoriais que corresponden cun grupo étnico que mesmo se pode denunciar na toponimia. Núcleos que, ao cabo do tempo, terán continuidade coas parroquias suevas (sec. VI) e mesmo cos xulgados da Baixa Idade Media.  

A partires da romanización, dentro da estratexia administrativa deuse a concentración en  “oppidums” ou “civitas” de grupos de gens, familias, procedentes de  pequenos castros, “castella”. Facilitaríase así  a  defensa, o mercado, a vida... entrando nun proceso de relacións, consumo e xerarquización da sociedade dentro de pautas romanas.  

A incidencia romana singulariza Tongóbriga, especialmente na supeditación urbanística á trama rectangular, hipodámico. Plano que demostra o coñecemento dos principios vitrubiáns e  nos fai cavilar na presencia de arquitectos e enxeñeiros de elite en  obras sufragadas polo erario público. A presencia  temporal de especialistas ou artesáns itinerantes romanos non quere dicir que se teñan asentado colonos ou inmigrantes...



O foro e as termas reutilizando as saunas castrexas o lugar de encontro  

 O protourbanismo  das construción de planta circular, as pallozas,  con o sen vestíbulo ou agrupadas en núcleos familiares son desmanteladas para aparecer sobre as súas cimentacións novos sistemas construtivos co “opus signinum”. Érguense agora “domus”, de planta rectangular e con “impluvium”. Novas formulacións adaptadas xa ao “modus vivendi” da milicia romana. Rúas que conducirán ao punto de encontro, comercial , mesmo “pecuarium”, pro mercado do gando e lúdico tamén , a praza do foro: ampla praza publica de mais de 10.000 metros cadrados , murada e fora do recinto perimetral, espazo  funcional, sen arquitectura monumental. Recinto cunha soia porta, rodeado por soportais con estruturas de madeira para o comercio, almacéns ... e no centro un altar e escultura, posiblemente ecuestre. Lugar no que apareceron restos datados nos primeiros anos do cambio de era.

Próximo ao foro e tamén extramuros está a vella sauna castrexa,  escavada na mesma peneda, de tipo “ pedra fermosa” para un ritual hixiénico e de purificación en relación cos Catro Elementos á entrada e saída do habitat. Coa romanización aprovéitanse as vellas canles de auga, mesmo o sistema orixinal, para ser ampliada nunhas termas coas características romanas: piscinas, “natatio”, “frigidarium”, “tepidarium”,calidarium”, hipocausto, palestra..... Lugar cristianizado coa cruz sobre unha serpe labrada.  

Un dos grandes enigmas castrexos, aínda non resolto é o dos rituais funerarios. O cemiterio romano de Tongóbriga, situado á beira da vía, seguindo as pautas romanas, amosa terse practicado a incineración, con relevantes enxovais funerarios, incluso ata o século IV, lonxe das practicas e rituais cristiáns que os propios soldados romanos traerían e rematarían impoñendo  nestes confíns do imperio.   Civitas que ademais contaba con circo, teatro, anfiteatro e outros servizos que a arqueoloxía irá desvelando no futuro.  

Estruturas acordes cos intercambios culturais que se mostrar na numismática e nos artefactos aparecidos, especialmente nas cerámicas, onde conflúe o sentir indíxena co importado e as mudas nos gustos e nas técnicas. Nos modelos están as grandes urbes augústeas, dende Emérita a Brácara, Astúrica ou Lucus...  

Cerámicas indíxenas coas características decoracións xeométricas ,  arracada de ouro de influencias orientais, na liña das de Cances ou do Irixo... son complementos que nos levan ao xeito de vida. Ao respecto Estrabón, no sc. I.  facilítanos moitos datos sobre a vida dos “celtici” da Gallaecia: conta que  son guerreiros, que cultivan o liño e as mulleres usan roupa con adornos de debuxos florais, que fan un xantar ao día, sentados arredor das paredes, en función da idade e da categoría. Alimentos que circulan de man en man, que fan pan de landras de carballo e beben o “citos” feito con froitas (cervexa ou sidra ?), que tocan o “aulos” (frauta?) que festexan as noites de plenilunio, danzan, brincan e caen de xeonllos, que dormen no chan, que toman baños de vapor quentando pedras.... que fan sacrificios e agoiros analizando as vísceras dos prisioneiros e dos cabalos....“Pobos que por apartados tiñan perdida a sociabilidade e a humanidade”...

A partires da segunda metade do século II vese que Tongóbriga tivo unha relevante función. No século V aparece como parroquia sueva, así se menciona na “Divisio Theodomiri” . Ao respecto a igrexa parroquial do Freixo érguese sobre unha sobranceira construción con mosaico de motivos xeométricos e vexetais, na que mesmo apareceron serodias probas da cristianización, sc. VI . Territorio Logo repartido en  núcleos  menores de orixe romano, “villae” e “vicus”,  no románico (1140) territorio disputado entre o convento feminino de Tuia e ao da Ave María de Porto . o seu nome esvaece deica desaparecer ata  agora.

Despois de terse declarado Tongóbriga como MOnumento  Nacional no 1986, no 1990 o Ministerio de Educación portuguÉs e a Direçao Regional de Cultura do Norte acordan instalar neste contexto a Escola Profesional de Aqueología, un xeito de facer camiño ao andar: asolagándose en canto implica o estudo, a conservación e a xestión do patrimonio arqueolóxico, rehabilitalo e revitalizado.  Misión de madurez que se complementa con publicacións divulgativas, científicas, inventarios, cun centro de recepción...todo o que obriga a artillar unha secuencia arredor do que necesita o visitante :recepción, información, restaurante, tenda... e unha exposición que incide nas singularidades, titulada  “Mudas de vida”- Unha historia de celtas, romanos, suevos....os inicios dun imperio medieval, cistiano.  Monumento, que inevitablemente se complementa enxergando o Museu Aqueológico de Penafiel,  o de Guimarâes, e como non o Museu Arqueologico de Braga, museos da Arqueoloxía castrexa e da  Gallaecia Romana



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña